Día das Bibliotecas: que comece a diversión!

Estas dúas últimas semanas de outubro estiveron cheas de visitas, xogos, creatividade e moitas ganas de ler na nosa biblioteca. Coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas e coa chegada do Samaín, organizamos diferentes propostas para achegar a biblioteca a todo o alumnado e gozar dos libros dun xeito diferente:

🎧 As palabras medran cando as escoitamos

O equipo de biblioteca estreou o mural que cada curso preside a entrada da nosa biblio. Libros, uns auriculares e diferentes palabras que nos lembran todo o que podemos sentir, descubrir, aprender, comprender, imaxinar e compartir cando escoitamos. Unha proposta que se recolle no lema que nos acompañará este ano: As palabras medran cando as escoitamos.


📚 Coñecemos mellor a nosa biblioteca
O alumnado de 1º e 2º ciclo de Primaria e de 1º de ESO participou nas sesións de formación de usuarios. A través de xogos e actividades, descubriron como se organiza a biblioteca, como localizar os libros, cales son as normas de funcionamento e como aproveitar todos os seus recursos. Ademais, o alumnado de 1º de Primaria recibiu o seu primeiro carné de usuario, que lle permitirá levar libros en préstamo para seguir lendo tamén na casa.

🦝 Buk, o noso mapache lector

O alumnado de Educación Infantil tivo unha visita moi especial: coñeceu a Buk, a mascota da nosa biblioteca! Despois de descubrir quen é este mapache lector, cada neno e nena personalizou a súa propia chapa coa imaxe de Buk, dándolle un toque único e persoal.

🔍 Un reto lector con emojis

Quen dixo que os emojis non poden agochar libros? O alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria e de ESO enfrontouse a un divertido reto: descubrir que conto popular ou título literario se escondía detrás de cada combinación de emojis. Houbo que poñer a proba a memoria, a imaxinación e os coñecementos lectores para resolver todos os enigmas!

👻 Unha biblioteca de medo!

Coa chegada do Samaín, puxémonos mans á obra cun obradoiro de decoración terrorífica. O alumnado voluntario do 1º ciclo de ESO encargouse de transformar a biblioteca nun espazo cheo de misterio… perfecto para a ocasión!


E hoxe chegou o momento máis agardado: o alumnado de Educación Infantil visitou a biblioteca para escoitar contos de medo. Entre arañas, sustos e algunha que outra gargallada, gozamos dunha sesión de lectura moi especial!


Unha chea de actividades diferentes, pero cun mesmo obxectivo: facer da biblioteca un espazo vivo, no que descubrir, xogar, compartir e, sobre todo, gozar da lectura. Grazas a todo o alumnado que participou e colaborou para facer posibles estas propostas!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *